miércoles, julio 12, 2006

UN PROFESIONAL EN BUSCA DE NICHOS



Lorenzo Pastrana, coordinador do Programa Oficial de Posgrao:
"O campo da agroalimentación é un dos maiores nichos de emprego en Galicia e precisa profesionais"
Despois do clúster do automóbil, a industria agroalimentaria é o sector que máis aporta ao Produto Interior Bruto de Galicia. Por este motivo, a formación de profesionais para un campo como este en constante expansión e modernización semella unha boa opción de futuro. Con este motivo, o vindeiro ano a Universidade de Vigo impartirá o Programa Oficial de Posgrao en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria, o único no ámbito das Ciencias Experimentais.
Segundo apunta o profesor Lorenzo Pastrana, “o noso obxectivo é ofrecer unha formación no campo das ciencias alimentarias cun sentido horizontal, xa que nos vamos ocupar dos alimentos dende puntos de vista tan dispares como a produción, a calidade, a distribución, a lexislación, a nutrición, a saúde, a loxística, a hixiene ou incluso e docencia”. A importancia destes estudos, radica tamén nas esixencias da sociedade actual, preocupada pola influencia da alimentación na saúde humana e interesada en acceder a alimentos variados, cómodos, innovadores e de larga vida, pero dentro da lexislación vixente en seguridade e calidade.
Ao tempo, este programa tamén incorporará un compoñente vertical, xa que os alumnos poderán cursar catro especialidades diferentes atendendo á súa formación anterior, preferencias, mercado laboral, etc. “En función dos módulos que os alumnos cursen dos oito posibles, obterá unha ou outra especialidade”, é dicir, cos módulos de química agrícola, química alimentaria e seguridade alimentaria obtense a especialidade en Ciencias Agrarias e Alimentarias. A especialidade de Procesos na Industria Alimentaria obtense mediante os módulos de Enxeñaría Alimentaria, Biotecnoloxía Alimentaria e Produción en Industrias Agroalimentarias. Por último, a rama de Xestión de Industrias Agroalimentarias obtense cursando o módulo co mesmo nome e o de Nutrición co módulo de Nutrición e Dietética.

Dúas vías
Este programa de posgrao ten, segundo Pastrana, “o obxectivo de formar profesionais, para o que no segundo curso, os alumnos poderá elixir entre unha vía profesional e outra académica”. Isto débese a que no primeiro dos dous anos concéntrase a docencia teórica con materias obrigatorias e dos módulos, mentres que o segundo e derradeiro ano resérvase para contidos máis prácticos. Deste xeito, os interesados en seguir unha vía profesional “realizarán prácticas nunha empresa do sector agroalimentario, xunto cunha tese de maestría, mentres que na vía académica, os alumnos desenvolverán un traballo de investigación e a tese”, apunta o profesor do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía.

Saídas laborais
Esta estrutura fai posible a formación de profesionais que abarcan un amplo abano dentro do mercado laboral no que Galicia está á cabeza no campo agroalimentario. Isto fai atractivo ao posgrao, xa que en Galicia “son precisos moitos traballadores, de aquí son moitas das multinacionais, como Coren ou Pescanova e, as novas normativas comunitarias, fan que as pequenas empresas familiares demanden técnicos de calidade ou hixiene e a diversificación amplía esta demanda de profesionais”.
Por este motivo, aínda que este título de máster está pensado para titulados en Ciencias Experimentais, “tamén está aberto para alumnos que procedan das Enxeñarías ou de Administración e Dirección de Empresas ou de Economía, xa que as especialidades son diversas”.
Dende a organización deste posgrao oficial que se impartirá na Facultade de Ciencias de Ourense, destácase as múltiples tarefas que se poden desenvolver no mercado coas catro ramas como “control de calidade do alimento, xefes de planta, deseños de novos procesos, traballos de laboratorio, investigación e desenvolvemento na mellora da calidade, procesos e produtos, xestión da empresa alimentaria, regulamentación técnica, servizos de promoción e de venta, educación dos consumidores, lexislación alimentaria e docencia”.
Para todo isto, este novo ciclo de posgrao contará con arredor de 80 profesores que se encargarán da formación de 30 alumnos “mediante criterios e contidos adaptados ás directrices de Boloña de Adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior”, apunta Pastrana. Entre o persoal docente, haberá tamén profesores invitados procedentes do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, que impartirán materias relacionadas coa titulación que eles ofrecen de Economía Agraria.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Me quiere explicar el presi qué quiere decir la expresión "o noso obxectivo é ofrecer unha formación no campo das ciencias alimentarias cun sentido horizontal"?
Como comprenderá, por su trayectoria, no puedo quitarme ciertos pensamientos de la cabeza.
COLODRONI

Anónimo dijo...

Qué va a querer decir, amigo Colodroni, Qué va a querer decir

El Presi