lunes, marzo 20, 2006

CAMBIANDO DE TERCIO

Estatuto ou Política
X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Para que un novo Estatuto de Autonomía? Co vixente na man e dentro da legalidade da Constitución un goberno progresista e nacionalista disposto a facer política real podería mudarlle as formas e algo os fondos ao País, robustecer este simbolicamente como Nación, asegurar o Traballador sequer fose en mínimos, converter o pobo en máis Pobo e menos cidadanía choca, frear a emigración, incluír os inmigrantes no proxecto común (deixalos votar eiquí), invertir as prácticas neoliberais que nos levaron á ruína na era Fraga Iribarne (véxase Xavier Vence, véxase Xenaro García Suárez e Pedro Bouso).Co estatuto vixente nas mans un goberno decente e dunhas esquerdas de baixa intensidade podería, poñamos, esixir do Estado a trasferencia da Zona Franca de Vigo á esta autonomía. Ou presionar para todas as empresas aquí radicadas teren domicilio fiscal no noso torreiro, e por aí irá ben o BNG se escoita a Beiras. Ou transformar a política de bilingüismo "harmónico" nunha outra que salve o galego do mesmo modo que os vascos non revolucionarios do PNV salvaron unha lingua en perigo de extinción ou os sionistas resucitaron o hebreo morto desde o cativerio de Babilonia, se é que o houbo. Co actual Estatuto poderíase comarcalizar Galicia e dar pasos reais cara a extinción das provincias e deputacións. Só con querelo e sen modificar a lexislación actual en materia de réxime local, os do BNG que tanto fachendean de Bóveda e Castelao poderían por xa en vigor as freguesías ou parroquias (non só rurais, senón tamén urbanas) facendo delas un degrau intermedio entre o concello e as bases sociais, tal e como ocorre en Portugal (para onde ollan moito algúns sen ver o que deben) por lei de obrigado cumprimento. Dentro dos marcos legais vixentes non sería imposíbel a creación dunha banca nacional e dun sector público da economía, por non falarmos no relanzamento da agricultura moribunda e da gandaría doente.Política así podería ser feita realmente e non se está a facer, co cal exténdese a decepción entre os electores dos actuais partidos no goberno. Pro ocorre que no Parlamento non hai oposición á esquerda do Bipartito, polo que este non se sinte estimulado polo ferrete de ningún tabao vermello que lle faga mover as ancas. O actual goberno actúa só con referencia ao PP, así español coma galego. Polo cal, unha vez exhalado o sospiro de alivio que ocasionou o regreso de Fraga Iribarne ao seu espazo natural, que é Madrid, o balanceamento que facemos destes xa longos días de goberno bipartito, coa excepción de certas boas medidas en Medio Ambiente, indica o predominio da inacción pasivista sobre a tomada de decisións en xeral e de decisións reformistas en particular.É aí onde se sustitúe a práctica da política pola teatralización dun novo Estatuto como panacea; Estatuto que ou conta coa aceptación do PP ou non será nunca. Dixo Méndez Romeu moi ben que os teitos, os nícharos, os compartimentos e límites ideolóxicos serán os que negociou xa España con Cataluña e non outros. Ora si, en Cataluña existe un predominio da esquerda e/ou nacionalista variado que non hai neste que cada vez é máis Parlamentiño. E o Estatuto de Galicia está a ser coma a conversa dilatoria da Ponte do Pasatempo, Mondoñedo.

2 comentarios:

QBH dijo...

Supoño, compañero Colodroni que, desde la óptica de la izquierda, nada que objetar a tal discurso nacionalista, ¿no?

Anónimo dijo...

¿Y eso es un discurso nacionalista?
Es la claudicación más evidente: cuando los nacionalistas copan el podercillo, se echa en falta necesariamente una política de izquierdas. Ferrín no lo dice: yo sí: el BNG es más de derechas que el Zaplana. Ence para Meis.
COLODRONI